CRTVG

Buscar

Os traballadores de Alcoa maniféstanse en forma de comitiva fúnebre

Publicado o 14/07/2020 21:46

Son poucos, por mor das restriccións da covid-19, pero aínda así os traballadores de Alcoa seguen mobilizándose. Esta mañá portaban un boneco coa cara de Álvaro Dorado, o presidente de Alcoa España.

Un a un foron subindo á cruz para simbolizar o calvario ao que se enfrontan os 534 traballadores afectados polo ere da planta de Alcoa en San Cibrao.

Como director da comitiva fúnebre, o presidente do comité de empresa cunha careta da faciana de Roy Harvey, presidente da multinacional.

José Antonio Zan, Presidente do comité de empresa de Alcoa: "Hoxe vou de Roy Harvey, o home que tomou a decisión por estratexia de empresa de eliminar as plantas de España e traer alumnio de Arabia Saudí e Noruega. Hoxe dedicámoslle o día a este señor tan simpático".

A comitiva fúnebre partiu dunha das empresas auxiliares de Alcoa. O peche da planta de aluminio podería supoñer a perda de 400 postos de traballo indirectos na Mariña.

Javier Prado, representante sindical dunha empresa auxiliar: "Queremos chamar a atención e que nos fagan caso. Non durmimos pola noite. Temos a metade do noso cadro de persoal nun ERTE. Que os políticos se impliquen máis porque a solución segue no aire, e se non a Mariña irá ao tacho".

O comité de empresa non asistiu á xuntanza de hoxe coa empresa debido á limitación de movementos pola covid-19. Piden unha vez máis á empresa que adíe as negociacións sobre o ere e esixe que en ningún caso paren as cubas.

Noticias web

14/07/2020