CRTVG

Buscar

Os traballadores de Alcoa non asinarán o preacordo con Parter sen o aval do Goberno

Publicado o 19/06/2019 10:26

Principio de acordo entre a dirección de Alcoa e o fondo suízo Parter Capital para vender as plantas da Coruña e Avilés. A última palabra téñena os traballadores. Os da factoría coruñesa, que abandonaron o encerro na Delegación do Goberno, piden garantías para asinar esa venda.

Recta final no proceso de negociación da venda das plantas de Alcoa. A dirección da multinacional estadounidense e Parter Capital confirmaron que teñen pechado un principio da acordo para facer efectiva a adquisición das factorías por parte do fondo suízo, que se compromete a non facer despedimentos nos próximos dous anos, e está disposto a reactivar as cubas de electrólise e volver a fabricar aluminio primario se o prezo da enerxía se abarata. Desde o Goberno din que é a única oferta integral para as dúas plantas e comprométense a traballar para garantir un marco enerxético estable e competitivo.

Raúl Blanco, secretario xeral de Industria en funcións: "Nós o que dixemos é que imos traballar para que o prezo da enerxía sexa competitivo, e para que se poida facer ese arranque das cubas e o resto de actividades. Estivemos loitando durante os últimos meses por unha solución integral para as dúas plantas. Esta oferta dá resposta, e agora os traballadores decidirán se optan por ela ou prefiren o plan social pactado con Alcoa".

Alcoa quere que os traballadores validen a operación que supón a suspensión do ERE, pero os comités de empresa da Coruña e de Avilés desconfían deste preacordo. Din que non están dispostos a aprobalo se o Goberno central non o avala. Piden que a ministra de Industria os informe detalladamente das condicións e esixen garantías de futuro.

Juan Carlos López Corbacho, presidente comité de empresa de Alcoa A Coruña: "O Goberno non nos parece suficiente que diga que valora positivamente que haxa un investidor. Non vale. Hai que materializar os compromisos, hai que dicir que o Goberno avala o proxecto industrial de Parter. Tampouco nos poden dicir a nós que firmemos algo que o Goberno non está firmando".

Tamén desde a Xunta lle piden ao Goberno central que garanta o compromiso dun prezo competitivo da electricidade para facer viable a única oferta que se está negociando. Mañá as catro da tarde, todas as partes volven estar citadas nun hotel de Madrid a unha reunión da mesa de seguimento do ERE, tamén os comités de empresa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/06/2019