CRTVG

Buscar

Manifestación de Alcoa contra a paralización do estatuto electrointensivo

Publicado o 26/04/2019 22:39

Os traballadores de Alcoa manifestáronse esta tarde polas rúas da Coruña. Acusan o Goberno de mentirlles e enganalos ao non aprobar o estatuto electrointensivo no último Consello de Ministros da lexislatura. Cren que esta decisión pon en perigo o futuro das factorías da Coruña e Avilés.

Os traballadores da planta de Alcoa na Coruña volveron saír á rua para protestar contra a decisión do Goberno de non aprobar o estatuto electrointensivo no último Consello de Ministros da lexislatura, tal e como lle prometeran. Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de empresa de Alcoa na Coruña: "Estamos cabreados, estamos cansos de que nos mintan desta maneira. A desculpa da CNMC non nos vale, porque non é vinculante. Aínda por riba, resulta que o informe é do día 9 e nós estivemos o día dez en Madrid e dixéronnos que o informe non estaba. Isto dende logo non se arranxa con promesas, arránxase con feitos".

Na factoría de Alcoa en Avilés os traballadores acusan o Goberno de enganalos. José Manuel Gómez de la Uz, presidente do comité de empresa de Alcoa Avilés: "Dende o día 9 coñecen o informe da CNC. Polo tanto, xa sabían que non se ía aprobar. Enganáronnos. O único que querían era que pasase a campaña electoral e que o soubésemos hoxe á última hora. Polo tanto, isto é xogar coas familias".

Cren que sen un estatuto que abarate a electricidade vai ser difícil que algún dos sete investidores interesados acabe mercando as fábricas da Coruña e Avilés. Se non aparece ningún comprador que convenza a multinacional antes do 30 de xuño, a empresa despedirá 268 operarios, case a metade do cadro de persoal das factorías da Coruña e Avilés.

Noticias web

26/04/2019