CRTVG

Buscar

Os traballadores de Alcoa impugnan o ere nos tribunais

Publicado o 14/10/2020 10:27

O caso Alcoa, o peche da planta de San Cibrao, ten moitas caras. Para saber como se ve desde o lado xudicial, Pedro Blanco, avogado da UXT que leva o caso dos traballadores de Alcoa, visitou o Bos días.

O avogado aclara a situación actual dos traballadores: "Neste momento o único que hai enriba da mesa é a decisión final da empresa de despedir 524 traballadores da planta. Quedan vivos 99 contratos. O que falta é que a empresa lle comunique a cada un cando se vai extinguir o seu contrato. O despedimento está decidido, o que falta é esa comunicación. A empresa dispón duns meses para ir pouco a pouco procedendo aos despedimentos".

Sobre como se vai recorrer, Pedro Blanco di que "está habendo comunicación e contacto estreito coa autoridade laboral, polo tanto a idea é que vaiamos todos xuntos neste proceso. Estamos todos no mesmo barco porque todos temos a intención de evitar o peche, así que queremos facelo de maneira conxunta. Estamos apoiándonos uns aos outros".

E finalmente, en canto a posibilidade de se se pode parar un ere se a empresa teima en despedir a xente, o avogado di: "Pódese parar e imos intentar por todos os medios parar esta decisión. A vía xudicial é unha vía importante, temos que cumprir coas nosas responsabilidades dentro dos prazos. A solución está nunha medida conxunta, deixalo só nas mans dos tribunais é un erro".

Noticias web

14/10/2020