CRTVG

Buscar

Alcoa defende que o ERE "trata de evitar" que afecte a todo o persoal da factoría

Publicado o 03/12/2020 15:12

• Medio milleiro de traballadores temen polo seu futuro

• O avogado do Estado di que o peche sería "carísimo"

• Desde a Xunta censuran que, na práctica, non houbo período de consultas 

Intensa sesión no xuízo polos despedimentos de Alcoa, logo de que fracasara, a primeira hora da mañá, o acto de conciliación previo.

Ao longo da xornada, ata que se suspendeu a sesión pouco antes das tres da tarde, interveu, en primeiro luga, o o avogado da multinacional do aluminio defendeu o ERE que presentou na planta de aluminio primario de San Cibrao por "causas produtivas, económicas e organizativas" para 524 traballadores "trata de evitar que o despedimento colectivo afecte a totalidade dos traballadores", pois completa o persoal case outro centenar, e "isto tería que ser unha boa noticia".

O complexo industrial de San Cibrao está formado por dúas fábricas, a refinería de alumina, da que Alcoa non se quere desprender e sobre a que prevé unha reversión no futuro, e a planta de aluminio primario, e entre as dúas suman un persoal de traballadores superior aos 1.100 empregados.

O letrado anunciou que Alcoa non descarta pedir a nulidade das actuacións do xuízo polo despedimento colectivo que se segue esta mañá no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por vulneración da lei, xa que é público e ademais está a ser retransmitido en directo en liña.

O avogado considerou que o despedimento colectivo que afectaría medio milleiro de traballadores "é axustado a dereito" e tamén pediu que se alcen as medidas cautelares acordadas en relación á prohibición de apagar as cubas de electrólise da fábrica de aluminio primario.

Durante máis de tres horas, argumentou que este despedimento colectivo opera conforme á normativa laboral e só por expolo "a alegación de mala fe e nulidade é recorrente" por parte da representación social, é un " comodín que se utiliza de forma continua, un  mantra" por iniciar este proceso de despedimento.

Pechar sería "carísimo"

Pola súa banda, o avogado do Ministerio de Industria explicou que pechar a planta "é  carísimo", por iso a propia empresa asegurou que "non se pecha", e ademais "non é a mellor solución". 

"Pechar unha planta de aluminio é caro e non é a mellor solución, só cando está amortizada, e San Cibrao é produtiva, non ten sentido pechala", sostivo o avogado do Estado que interveu en representación do Ministerio de Industria en referencia a algunhas das alegacións e manifestacións expostas neste xuízo.

Segundo indicou durante a súa alegación, os custos ambientais de pechar a planta serían "tan elevados que afectarían o seu negocio", pois o peche implica o desmantelamento da planta de aluminio e a limpeza de solos baixo a mesma, ao que se engade en San Cibrao a separación desta planta da refinería.

Con todo, engadiu que ao tratarse dun grupo mundial, Alcoa "pode xogar cos custos", polo que se preguntou se se compararon por traballador en relación á planta de Islandia, por exemplo, ou se se tivo en conta o feito de estar a planta lucense á beira da de alúmina.

Pola súa banda, o letrado da Xunta lembrou, en contra do que di Alcoa sobre as causas de nulidade do despedimento, que non houbo período de consultas, "ou o que se practicou con esa aparencia non o foi", para evitar os despedimentos,  minorar as súas consecuencias ou buscar alternativas, nin se entregou á representación dos traballadores a documentación precisa.

Os traballadores, optimistas

Minutos antes do comezo, ás portas do TSXG, os traballadores amosaban a súa confianza na Xustiza. "Non temos medo ningún de ir a xuízo", dixo o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan.

Con todo, os traballadores denuncian que "non ten sentido seguir torturando os traballadores e toda a Mariña" por unha "desgraza de empresa" que leva, denunciou, "sete meses tentando dinamitar psicoloxicamente" tanto o cadro de persoal como a toda a poboación da comarca. 

Os traballadores confían en saír airosos e poder manter os seus postos de traballo porque "non ten sentido o que di a empresa" respecto da rendibilidade da industria: "O prezo de alumnio está en máximos históricos e o da electricidade en mínimos". Por iso instan o Goberno a que actúe e cumpra os acordos aprobados tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento de Galicia.

"Unha forma de desbloquear sería mellorar a última proposta", dixo José Antonio Zan, e que a SEPI levase a cabo unha adquisición temporal ata que a empresa pase a mans dun novo comprador.

Centos de traballadores concéntranse ás portas de Alcoa con barricadas

Centos de traballadores de Alcoa concentráronse na entrada principal da fábrica de San Cibrao para seguir, a través dunha pantalla e coa axuda de altofalantes, o desenvolvemento do xuízo que se está celebrando pola demanda contra o proceso de despedimento colectivo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Despois de que se confirmase que o xuízo ía celebrarse, ao non haber acordo entre a empresa e o comité no acto de conciliación previo ao comezo da vista oral, os traballadores cortaron o acceso principal á fábrica con barricadas de rodas, ás que logo lles prenderon lume.

Tamén queimaron os carteis de Alcoa situados na mesma entrada ao complexo industrial, preto do campamento montado polo comité para controlar os accesos e saídas da fábrica desde que comezou a folga indefinida, no mes de outubro.

De novo volveron escoitarse consignas a favor dunha intervención pública da fábrica e en contra da multinacional americana.

Noticias web

03/12/2020