Os traballadores de Alcoa aproban o preacordo coa empresa e suspenden a folga

O comité de empresa informa de que os traballadores do persoal do complexo industrial de San Cibrao aprobaron o preacordo ao que chegou a representación social coa dirección da multinacional para levantar a folga e reiniciar as negociacións para a venda da planta de aluminio primario á SEPI, despois de tres días de votacións.
Finalmente, o 87,2 % dos traballadores que exerceron o seu dereito a voto apoiaron ese acordo, fronte ao 11,3 % que o rexeitou.
Dos 964 traballadores censados para esta votación, 743 votaron, de modo que a participación foi do 77 %, segundo indica o comunicado remitido á prensa.
O acordo quedou aprobado por 648 votos a favor e 84 en contra, mentres que 7 foron emitidos en branco e 4 declarados nulos.
Por tanto, quedou aprobado o pacto para suspender de forma inmediata a folga indefinida, que comezou a principios de outubro e que provocou, segundo cálculos da multinacional, máis de dez millóns de euros en perdas.