CRTVG

Buscar

Os traballadores das electrointensivas de Galicia mobilízanse contra o reloxo

Publicado o 03/06/2019 16:13

Os traballadores da industria electrointensiva galega continúan coas mobilizacións. Este sábado manifestaranse na Coruña para reclamarlle ao Goberno central un estatuto que abarate o prezo da luz e garanta a continuidade do emprego.

Os traballadores de Alcoa mobilízanse contra o reloxo. A finais deste mes, se a multinacional non ten unha oferta de compra que a convenza, pechará as plantas de aluminio da Coruña e Avilés. Culpan o Goberno central de enganalos prometendo un estatuto para a industria que aínda non aprobou.

Juan Carlos López Corbacho, comité de empresa de Alcoa na Coruña: "Non estamos pedindo nin subvencións nin axudas que non sexan legais. Pedimos un prezo regulado para a industria electrointensiva, como noutros países".

Ademais, se aparece un comprador, quedará fóra da próxima poxa de primas eléctricas, onde se ofertarán menos bloques que na anterior. 

Xosé Paleo, comité de empresa de Alcoa en San Cibrao: "O último cravo que nos acaban de cravar é a redución de bloques na poxa por interrompibilidade".

Santiago Paz, comité de empresa de Ferroatlantica Cee-Dumbría: "E para máis colmo, aínda por riba, vennos unha poxa para o mes que vén aínda peor que a anterior".

O próximo sábado ao mediodía, os traballadores de Alcoa, Ferroatlántica e Celsa Atlantic manifestaranse na Coruña dende a praza da Palloza ata a Delegación do Goberno e a mediados de mes levarán a súa protesta a Madrid.

Noticias web

03/06/2019