CRTVG

Buscar

Os traballadores de Alcoa celebran a nulidade do ere

Publicado o 18/12/2020 08:50

Onte foi día de festa para os traballadores de Alcoa. Hoxe é día de análise. O conflito está lonxe de resolverse.

Os traballadores de Alcoa San Cibrao celebran o que consideran unha vitoria laboral e moral. A xustiza dálles a razón e decreta nulo o ere de despedimento de 524 empregados da planta de aluminio. 

Alberto Pulpeiro, vicepresidente do comité de empresa, di que os ánimos están altos, porque é unha vitoria moi importante. Non é doado conseguir a nulidade dun ere. A sentenza di que Alcoa actuou de mala fe nas negociacións, e non poderá executar o despedimento colectivo.

Os xuíces consideran que Alcoa tiña tomada a decisión estratéxica de parar as cubas para pechar a fábrica da maneira máis rendible. O comité cre que a sentenza obriga a multinacional a negociar a venda da factoría.

José Antonio Zan, presidente do comité de empresa de Alcoa, destaca que a empresa ten que sentar xa a negociar, levar a cabo esa venda e seguir co cen por cento da produción e dos postos de traballo.

Os xuíces que asinan a sentenza aprecian outro matiz. Din que é significativo que o ere incluíra un número de traballadores que lle permitía a Alcoa pechar as cubas, pero sen ter que devolver as axudas que recibiron das administracións públicas. 

 

 

Noticias web

18/12/2020