CRTVG

Buscar

Os temporais acaban por afundir dous barcos vellos no porto de Ribeira

Publicado o 23/01/2020 14:29

Ao longo da historia, xa fora por mor dos conflitos bélicos que se sucederon ou por causas meteorolóxicas, na costa galega fóronse acumulando milleiros de barcos naufragados. A esta longa e imprecisa listaxe case se suman outros dous barcos ribeirenses que, tras os recentes temporais de vento, afundiron. Un deles, o Nécora, unha nave duns 10 metros de eslora, xa foi rescatado e repousa na dársena do porto.

Aqueles que coñecen o porto din que non lles sorprende o afundimento das embarcacións. Ambas as dúas levan anos amarradas sen actividade ou mantemento ningún por parte dos seus propietarios.

De feito, o barco que continúa afundido, o L'Etel, un palangreiro construído hai máis de 50 anos, xa ía ser despezado hai uns nove meses xunto coa embarcación Eros Dos, pero tanto unha coma a outra seguen atadas no porto. Durante os últimos anos, estas dúas grandes embarcacións sufriron varios incendios, ao tempo que foron obxecto de actos vandálicos.

Na reflotación do palangreiro continúa traballando Portos de Galicia. Porén, ao tratarse dunha nave de grandes dimensións, o labor de rescate está a ser máis complexo. En canto ao rescate do Nécora, unha vez localizado o propietario da embarcación, Portos de Galicia repercutiralle os custos da intervención.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/01/2020