CRTVG

Buscar

Os técnicos buscan a explicación ao derrubamento do muro que causou a morte dun home en Santiago

Publicado o 20/12/2019 14:03

A ausencia de testemuñas que pasasen pola zona no momento do derrubamento de parte do histórico muro do parque de San Domingos de Bonaval facía imprevisible o fatal desenlace.

O derrubamento dun tramo de case 20 metros de longo por 6 de altura, debido previsiblemente á acumulación de auga da intensa chuvia caída nos ultimos días, deixaba un home sepultado baixo as pedras e tres vehículos danados. No momento do suceso nin os veciños máis próximos viron nin escoitaron nada.

Tras unha primeira avaliación por parte dos bombeiros de Santiago xurdiron as dúbidas sobre o alcance do suceso.

Foi pasadas as dez da noite durante os traballos de desentullo realizados á man cando os bombeiros atopaban o corpo dun veciño de Ortigueira, de 80 anos, residente no barrio, que quedara sepultado baixo as pedras.

Técnicos do Concello analizaban esta mañá as causas do derrubamento e avaliaban a necesidade de adoptar medidas para evitar novos desprendementos ante a alerta de novos temporais nos proximos días. Veciños da zona aseguran que a muralla presentaba deformacións.

A rúa está pechada tanto para a circulación de vehículos coma para peóns.

Noticias web

20/12/2019