CRTVG

Buscar

Os técnicos forestais esíxenlle á Xunta "unha solución dialogada" tras dúas semanas de folga

Publicado o 17/08/2020 12:46
Os técnicos forestais esíxenlle á Xunta "unha solución dialogada" tras dúas semanas de folga

Bombeiros en Lobios (Ourense). EFE/ Brais Lorenzo

Técnicos de incendios forestais da Xunta de Galicia, en folga indefinida desde hai dúas semanas para denunciar as carencias de medios humanos e materiais, volvéronse concentrar este luns ante a sede da administración autonómica en Lugo para esixir "unha solución dialogada" a unha situación que leva enquistada "dous anos".

Xabier Bruna, representante da CIG, quixo sinalar que durante este tempo loitaron para "modificar un acordo de 2008" e adaptalo "á nova realidade dos incendios forestais do século XXI".

"Non buscamos un aumento de soldo, senón unha mellor organización na prevención, a extinción e a xestión forestal”, puntualizou.

Bruna denunciou os "abusos horarios" que sofre o colectivo, que supón "máis de 500 horas por encima da media do conxunto de traballadores públicos" e, no caso dos xefes de distrito, unha "dispoñibilidade de 24 horas os sete días da semana".

"Por todo iso, é necesaria unha reestruturación e unha mellor reorganización do equipo humano", indicou.

"Loitamos por un servizo público que sexa o máis eficaz posible", sentenciou Bruna.