CRTVG

Buscar

Os taxistas da Coruña ven competencia desleal tras a chegada de Uber á cidade

Publicado o 01/08/2019 15:34

Hai uns meses aterrou na cidade Cabify, cuns poucos vehículos. Hai uns días tocoulle a Uber, cun medio cento de vehículos. E agora os taxistas xa din ver competencia desleal nas VTC. Inciden en que hai que contratar o seu servizo cunha hora de antelación. 

"Se teñen que estar, teñen que estar reguladas e teñen que saír a acudir á chamada, non a andar pola rúa coma se fosen un taxi e parando a xente cando levanta a man", di Manuel Sánchez, presidente da Federación Galega de Taxistas. 

Recoñece preocupación e recoñece que ás veces se aprecia unha certa tensión incipiente nesta nova convivencia cos vehículos de transporte con condutor. 

"Polo que ves na rúa pode que chegue un día en que o colectivo reaccione de forma inesperada, o cal non queremos".

De aí que unha representación dos taxistas celebrase unha xuntanza coa Concellería de Mobilidade. Xuntanza en que só pediron, din, que as autoridades esixan a Uber e Cabify o mesmo que lles esixen a eles. 

"Non hai ningunha medida de presión máis que pedir que se cumpra a legalidade. Polo menos que se faga cumprir co rexistro pertinente de contratación, de lugar de recollida e destino. Ningún VTC pode recoller ninguén sen esa autorización, sen ese rexistro".

Sánchez Quindimi marchou satisfeito da xuntanza grazas á resposta do Concello.

"Que o vai estudar e o vai preparar e vai tentar que se cumpra a legalidade".

O colectivo demanda tamén o apoio da Xunta ante este dificultoso encaixe entre o moderno e o clásico. Non están en contra da modernidade, aseguran, pero piden respecto para a palabra taxi, que aínda se entende no mundo enteiro.

Noticias web

01/08/2019