CRTVG

Buscar

Os taxistas madrileños rebaixan as súas esixencias para acabar coa folga

Publicado o 29/01/2019 23:01

Os taxistas de Madrid vanlle presentar mañá unha nova proposta ao Goberno autonómico para intentar chegar a un acordo e levantar a folga que vai xa polo noveno día. O documento rebaixa as súas peticións iniciais, pero mantén que ten que haber un tempo de precontratación para os servizos de VTC dunha hora. Tamén que por forza volvan á base despois de cada viaxe, e que teñan que facer un percorrido mínimo de cinco quilómetros para contratarse. O sector do taxi di que que se a Comunidade de Madrid non acepta, seguirán en folga indefinida.

No noveno día de folga, os taxistas madrileños levaron novamente a súa protesta diante da sede do PP e ás portas da Comunidade. O sector pretende reabrir as negociacións co Goberno autonómico, cunha nova proposta que rebaixa substancialmente as súas peticións.

Julio Sanz, presidente da Asociación Nacional do Taxi: "A nós puxéronnos un montón de liñas vermellas, non había negociación posible. Queremos demostrarlles que pola nosa parte si que hai un ánimo de chegar a un acordo".

Os taxistas queren que se aplique en Madrid unha regulación dos VTC máis esixente que a que este martes aprobou a Generalitat para Cataluña. O sector dos vehículos de alugueiro con condutor di que vai ser a súa ruína, e que suporá a perda de milleiros de empregos nos próximos meses.

"Non teñen por que quitarnos o traballo, a miña filla ten tanto dereito a comer como os fillos dos taxistas".

O sector dos VTC manifestouse en Barcelona ás portas da Generalitat, e en Madrid protestou diante das sedes de Podemos e do PSOE, aos que acusan de tratalos como multinacionais, sen mirar polos empregos que estas empresas xeran en España.

Noticias web

29/01/2019