CRTVG

Buscar

Os taxistas galegos poderán pactar co cliente o importe do servizo no 2020

Publicado o 22/10/2019 15:45

Os taxistas galegos poderán pactar co cliente o importe final do servizo ou ofrecer descontos sobre a tarifa estándar a partir do próximo 1 de xaneiro. Con estas modificacións na Lei de transporte público, a Xunta atende a demanda do gremio, que cre que así competirá en mellores condicións coas plataformas de vehículos VTC como Uber ou Cabify. Os cambios están pensados sobre todo para os traxectos interurbanos e para os clientes que recorren ao taxi de xeito habitual. A Xunta cre que todas as partes saen beneficiadas.

As compañías que alugan vehículos con condutor chegaron para quedar e o sector do taxi tamén é consciente. Por iso celebra a reforma da Lei de transporte público, que desde 2020 lle permitirá axustar cos viaxeiros certas bonificacións, ben pactando un prezo pechado antes de arrancar, ben comprometendo un desconto sobre a tarifa.

Manuel Sánchez, presidente de Fegataxi: "Previa negociación co cliente, que dirá "canto me cobras por levarme alí". Antes non se podía facer, había que cobrar o que marcaba o taxímetro, agora si se pode modificar e dicirlle "Mire, voulle cobrar tanto, aínda que a tarifa sería esta".

A Xunta cre que os clientes serán os grandes beneficiados dunha medida que ademais equilibrará o pulso comercial entre taxis e VTC.

Ethel Vázquez, conselleira de Mobilidade: "Facilitar a mobilidade dos usuarios, que teñen máis facilidades nos desprazamentos e tamén nos prezos, e polo tanto será unha vantaxe para eles".

A Lei protexerá os viaxeiros coa obriga de que o seu acordo de rebaixa co taxista quede rexistrado por escrito. O incumprimento destes requisitos suporá sancións de entre 400 e 2.000 euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/10/2019