CRTVG

Buscar

Cada taxista de Santiago perdeu de 15.000 a 20.000 euros pola pandemia

Publicado o 14/06/2021 14:06

A pandemia golpeou forte o sector do taxi. Por cada coche calculan que perderon entre 15.000 e 20.000 euros, dependendo se tiña un condutor ou máis. 

Jesús García Gómez, presidente de Radio Taxi Compostela: "Estabamos poñendo 1.200 - 1.500 euros ao mes. Xa non deixando de gañar, senón ter que poñelos porque é un gremio en que non se nos permite parar aos autónomos e ter unha concesión municipal. Non encaixabamos en ningún lado".

En Santiago traballan 147 taxis, dos que 25 están no aeroporto. A maioría dos taxistas non puideron acollerse a ningunha das axudas existentes.

Juan Manuel Moure, leva case 30 anos de taxista en Santiago: "Estivemos meses sen traballar. Eu estiven 3 meses co coche no garaxe, posto que non había traballo. Logo foi aumentando, pero nada que ver con outros anos. Estamos nun 20 por cento, eu creo que non chegamos ao 30 por cento da recadación doutros anos".

Juan Manuel empezou no taxi outro ano santo, o do 93. Agora que se volven ver peregrinos e turistas na cidade, queren ser positivos pero as paradas seguen cheas de coches.

Jesús García Gómez, presidente de Radio Taxi Compostela: "Agora mesmo paramos 25 coches ao día, pero igual temos que volver parar 50 coches ao día para que non haxa estes colapsos nas paradas. Para non traballar, mellor que non teñas gastos e invistas o tempo na casa e na familia".

Ata este mes, traballaban catro días e descansaban dous. Animados polo bo ritmo das vacinacións e a tímida chegada de visitantes, aumentaron un día de traballo.

Noticias web

14/06/2021