CRTVG

Buscar

Os taxistas de Madrid endurecen as protestas no quinto día de folga

Publicado o 25/01/2019 08:35

Quinto día da folga de taxis en Madrid. E anuncian que endurecerán as súas protestas nos próximos días se non chegan a un acordo co goberno autonomico sobre a regulación dos VTC. A Comisión Nacional da Competencia carga contra o Goberno central por traspasar a normativa ás comunidades, e urxe a buscar unha solución que permita que empresas como Uber ou Cabify poidan seguir operando en España.

Quinto día de folga e o conflito do taxi segue aberto en Madrid. Os taxistas manteñen a súa base diante do IFEMA pero estenden as súas protestas a outros puntos da cidade. Unha persoa permanece detida por altercados coa policía. Lonxe de calmarse, os ánimos ténsanse ante a falta de avances. Os taxistas anuncian medidas máis contundentes se a Comunidade de Madrid non negocia con eles a regulación dos VTC. Poñen Cataluña como exemplo de que se pode chegar a un acordo.

O conflito pechouse, ao menos de momento, en Barcelona, onde os taxistas decidiron levantar a folga tras o acordo coa Generalitat. Iso si, din que non é máis que unha tregua, e que volverán á carga se o Goberno catalán non pon en marcha o decreto prometido. Os que protestan agora na cidade son as empresas de vehículos de alugueiro con condutor, abocadas ao peche, din, se non lles dan outras alternativas.

A Comisión Nacional da Competencia insta as comunidades a buscar unha solución urxente para que poidan continuar coa súa actividade. E critica que o decreto de Fomento a favor dos taxistas suporá no futuro maiores prezos e tempos de espera para o consumidor.





 

Noticias web

25/01/2019