CRTVG

Buscar

Os taxistas de Madrid e Barcelona, en folga indefinida para loitar contra os VTC

Publicado o 21/01/2019 21:04

Primeiro foi Barcelona e agora tamén Madrid. Os taxistas están de folga indefinida nas dúas cidades para reclamar maiores limitacións aos vehículos de alugueiro con condutor. Nin a oferta da Generalitat nin a da Comunidade de Madrid lles valen, principalmente polos tempos de precontratación deste tipo de servizos. O Goberno catalán pretende que sexa de 15 minutos. No decreto que prepara o de Madrid, déixao en mans dos concellos.
Os taxistas cren que o problema se resolvería regulándoo na lei estatal.

Miguel Ángel Leal, presidente da Asociación de Autotaxi de Madrid: "que o Goberno asuma tamén a súa responsabilidade, e que meta a precontratación na lei que se está facendo, e que así sirva de guía para todas as comunidades autónomas, para que sexa unha solución global en todo o país"

No medio da protesta, os taxistas cortaron as principais vías de comunicación das dúas cidades. En Barcelona, intentaron acceder pola forza ao Parlamento, e romperon o cordón policial para entrar no porto. Tres Mossos de Esquadra e un Garda Civil resultaron feridos.
O sector dos VTC tamén se concentrou en protesta pola violencia que din que están exercendo os taxistas contra eles, e polas condicións consideran, excesivas, que lles están esixindo.

Armand Vaquero, condutor dun vehículo de alugueiro con condutor: "non estamos de acordo nin en que se nos precontrate nin en traballar en condicións paupérrimas de seguridade, recibindo unha violencia salvaxe nos nosos coches, nos nosos condutores e tamén nos nosos pasaxeiros"

Numerosos sectores reclamaron xa o cesamento da folga, no caso de Madrid preocupa especialmente porque o mércores arranca Fitur.

Noticias web

21/01/2019