CRTVG

Buscar

Os taxistas colpsan o centro de Madrid tras unha semana de folga indefinida

Publicado o 28/01/2019 14:59

Os taxistas madrileños cumpren hoxe unha semana de folga. As protestas chegaron a colapsar o centro da capital. A folga indefinida dos taxistas madrileños deixouse notar neste oitavo día no centro de Madrid. Uns 2.000 taxis ocuparon nas últimas horas o paseo da Castellana para impedir a circulación nesta arteria principal, e de alí foron desaloxados pola Policía, unha operación de tres horas e media en que se rexistraron momentos de tensión e forcexos. Pouco a pouco, e coa axuda de ducias de guindastres que retiraron ata 30 taxis, a Castellana foi recuperando lentamente a normalidade, e os taxistas trasladaron a súa protesta ata aquí, a sede do PP na rúa Génova. Din que van manter as mobilizacións ata que a Comunidade de Madrid atenda as súas reivindicacións e regule o sector das VTC atendendo as súas demandas.

Unha semana despois do inicio da folga, os taxistas cumpriron coa súa ameaza de colapsar Madrid. Uns 2.000 taxis ocuparon os carrís centrais do paseo da Castellana, unha das principais arterias da capital, que a cruza de norte a sur e pola que circulan a diario milleiros de vehículos.

Contra as sete da mañá, os antidusturbios comezaron a desaloxar os taxistas, moitos deles sentados a carón dos seus coches. Vivíronse momentos de tensión entre os manifestantes e os policías, que completaron o desaloxo en tres horas e media. Ducias de guindastres retiraron trinta vehículos, mentres os axentes municipais poñían multas de ata 200 euros aos taxistas.

E mentres a Castellana ía recuperando a normalidade, as protestas trasladáronse preto de alí, ata a sede do PP, na rúa Génova. Alí os manifestantes berraron consignas contra o presidente da Comunidade de Madrid, ao que acusan de non querer negociar.

En Barcelona os que protestan son os traballadores dos VTC. 24 horas antes de que A Generalitat aprobe a nova regulación, que fixa unha contratación dos seus servizos de entre 15 minutos e unha hora, os afectados din que non se escoitaron os seus argumentos.

En Cataluña hai 3.500 traballadores de VTC, aos que as empresas xa advertiron que o decreto de mañá suporá a fin do seu negocio.






 

Noticias web

28/01/2019