CRTVG

Buscar

"O dos talibáns vai ser un réxime do terror, sobre todo, contra as mulleres"

Publicado o 17/08/2021 10:00

• José Miguel Calvillo, profesor de Relacións Internacionais da Complutense, non cre na imaxe de moderación que intentaron vender os talibáns tras a toma de Cabul

José Miguel Calvillo, profesor de Relacións Internacionais da Complutense, salienta que os Estados Unidos estaban en Afganistán na guerra máis longa da súa historia. Con todo, as forzas afgás non estaban o suficientemente preparadas para controlar o Estado e, por iso, considera podería ser bo atrasar un pouco máis a retirada de tropas.

"Faltáballes equipación e capacitación e hai que ter en contra o nivel de corrupción do país. A alternativa puido estar en construír un exército desde cero", explica Calvillo.

"Os prazos que manexaba os Estados Unidos de regreso dos talibáns ao poder eran moi optimistas", di Calvillo, quen engade que sempre tivo claro "sen as tropas estadounidenses, o regreso dos talibáns ía ser un paseo". 

O profesor di que os talibáns van intentar vender unha cara menos agresiva, para conseguir a lexitimación da comunidade internacional. A China e Rusia recoñecerán o poder dos talibáns a cambio de respectar as fronteiras. Tamén teñen o visto e prace de Paquistán, non así de Irán. Dentro do país, van instalar a 'sharía' e establecer alianzas cos señores da guerra para afianzase no poder. Calviño non cre na mensaxe de moderación dos talibáns: "Vai ser un réxime de terror, principalmente contra as mulleres".

"Os países veciños serán os que máis refuxiados reciban", prognostica. "A UE e a comunidade internacional deben asistir a estes estados veciños", advirte. 

Noticias web

17/08/2021