CRTVG

Buscar

Os talibáns responden con disparos aos que protestan tras a súa chegada ao poder

Publicado o 19/08/2021 19:47

Os primeiros 53 españois e afgáns evacuados de Cabul xa están en Madrid

• A situación das mulleres agrávase: comezan a ser despedidas dos seus traballos

As milicias talibás responden con disparos a todos os que protestan tras a súa chegada ao poder. Repelen coas armas os que intentan entrar no aeroporto e comezan a despedir as mulleres dos seus traballos. A auténtica cara do extremismo islámico comeza a verse en Cabul.

Milleiros de civís suplícanlle ás tropas estranxeiras que os deixen entrar no aeroporto de Cabul. Son familias enteiras que levan días agardando a ser evacuadas. Algunhas conseguen pasar. Pero noutros momentos, os mesmos soldados dispersan a multitude con disparos ao aire ou gases lacrimóxenos.

As milicias talibás tampouco deixan que os afgáns cheguen ao aeroporto. Os accesos están cheos de controis e os talibáns disparan contra os que queren saír do país. Centos de persoas manifestáronse contra o novo réxime en varias cidades do país. Moitas das protestas están encabezadas por mulleres.

Nesta xornada de aniversario da independencia, a bandeira tricolor afgá converteuse nun símbolo de resistencia fronte aos talibáns. Pero a pesar das protestas, o novo goberno empeza a impoñer con dureza as súas normas. A unha presentadora da televisión nacional xa non a deixaron entrar no seu traballo.

O presidente dos Estados Unidos di que os soldados americanos quedarán en Cabul ata que se complete a evacuación do seu persoal. Son uns 15.000 nacionais e 65.000 afgáns que colaboraron con eles.

O FMI bloqueou o acceso a 390 millóns de euros en axudas que tiña concedidas Afganistán. Ademais, Washington conxelou case 9.500 millóns de dólares do banco central afgán e detivo os envíos de efectivo ao país.

Noticias web

19/08/2021