CRTVG

Buscar

Os talibáns reprimen as protestas con disparos, provocando tres falecementos e unha ducia de feridos

Publicado o 18/08/2021 20:54

En Afganistán, milleiros de persoas protestan contra o poder talibán. Os novos dirixentes do país responderon con disparos á multitude. Ata o momento sábese de 3 mortos e unha ducia de feridos. Na capital, as potencias estranxeiras apuran para evacuar o seu persoal diplomático. Os talibáns controlan os accesos ao aeroporto e dispersan as persoas con violencia.

Lailuma Sadid, xornalista afgá en Bruxelas: "Suplícolles que non recoñezan os talibáns, sen condicións. Non queremos volver atrás, queremos ir cara adiante, por favor".

De nada serven as súplicas das mulleres afgás nin a desesperación dos milleiros de persoas que intentan fuxir de Cabul. As potencias estranxeiras recoñecen de facto a autoridade dos talibáns. Os Estados Unidos acordaron con eles utilizar o aeroporto para as evacuacións de diplomáticos e colaboradores ata finais de agosto. China, Rusia e Paquistán déronlle a benvida ao novo réxime. E a Unión Europea di que terá que negociar con eles.

A situación na capital resúmese cunha calma tensa dentro do aeroporto. Os avións militares sacan de Cabul os residentes e traballadores estranxeiros á máxima velocidade que poden. Pero fóra do aeroporto mandan os talibáns. Eles controlan os accesos e dispersan con violencia os afgáns que intentan ata chegas ás pistas. Moitos dos que colaboraron coas potencias estranxeiras non conseguen saír do país.

O resultado é que algúns dos avións que foron para rescatalos, volven medio baleiros. No resto do país, milleiros de persoas protestan en Jalalabad porque os talibáns retiraron dos edificios as bandeiras de Afganistán e puxeron as que representan o Emirato. Os talibáns responderon con disparos.

Ata o momento, as testemuñas falan de polo menos tres mortos e unha ducia de feridos. A maioría civil en Afganistán non cre na amnistía prometida polos talibáns. Os gañadores da guerra aseguraron ademais que respectarán os dereitos das mulleres recollidos pola lei islámica. Isto quere dicir practicamente ningún.

Os ministros do Interior da Unión Europea reúnense coa intención de evitar unha avalancha de refuxiados nas súas fronteiras e unha nova crise humanitaria. Os dereitos das mulleres afgás terán que agardar.

Noticias web

18/08/2021