CRTVG

Buscar

Os talibáns, con listas negras, buscan casa por casa activistas e colaboradores

Publicado o 20/08/2021 09:58

Continúan bloqueando o acceso ao aeroporto de Cabul e aumenta a represión contra as mulleres

A correspondente internacional da CNN Clarissa Ward, unha das poucas que informa desde Cabul, estaba entrevistando preto do aeroporto varios afgáns que lle explicaban as dificultades de saír do país. Varios talibáns abordan o equipo de televisión e mesmo chegan a disparar para dispersalos. A ela obrígana a cubrir a cara, baixo a ameaza de pegarlle cun látigo. Os talibáns néganse a falar con ela, só se dirixen ao produtor.

Era cuestión de tempo que os talibáns impuxesen as súas normas, sobre todo, a represión sobre as mulleres. A esta presentadora da televisión pública xa non a deixaron entrar no seu traballo.

Nacións Unidas denunciou que os talibáns teñen unha lista negra con nomes de activistas ou colaboradores aos que van buscar porta por porta. Se non os atopan, ameazan a familia. Así fixeron cun familiar dun xornalista afgán que traballaba para unha canle alemá. Como non o atoparon a el, mataron un parente e feriron outros.

Dureza tamén para dispersar, a tiros, as manifestacións que se multiplican polas cidades afgás contra o réxime talibán. Moitas das protestas encabezadas por mulleres. No aniversario da independencia do país, a bandeira tricolor afgá converteuse nun símbolo de resistencia fronte aos talibáns.

Increméntase tamén o caos nos exteriores do aeroporto de Cabul. Os talibáns seguen acosando e ameazando os civís que intentan fuxir do país, moitos cos papeis en regra, pero aos que lles é imposible acceder.

Ante esta situación, os Estados Unidos xa anunciou que as súas tropas quedarán no país ata que se completen as evacuacións, son 15.000 nacionais e 65.000 afgáns que colaboraron con eles. A Casa Branca informaba nas últimas horas que o presidente Biden e o seu homólogo frances Emmanuel Macron conversaron sobre como coordinarse para prestar asistencia humanitaria e axudar os refuxiados que saian de Afganistán.

Noticias web

20/08/2021