CRTVG

Buscar

Os talibáns bloquean os accesos ao aeroporto de Cabul e reprimen as primeiras protestas

Publicado o 19/08/2021 09:18

Mentres os países estranxeiros continúan evacuando a toda présa os seus nacionais de Afganistán, nas cidades afgás os talibáns deron xa a primeira mostra de como van actuar ante as protestas: con violencia. Os Estados Unidos acusan os talibáns de estar violando os seus compromisos e bloquean o acceso dos afgáns ao aeroporto de Cabul para impedir que saian do país.  

Un día tardaron os talibáns en pasar das palabras conciliadoras e da suposta amnistía á violencia e á represión. Con disparos dispersaban esta protesta en Jalalabad a favor de restituír a bandeira da República de Afganistán, en vez da branca do Emirato Islámico. Segundo as axencias, houbo tres mortos e unha ducia de feridos.

Tamén aumenta a violencia na contorna do aeroporto de Cabul. Aínda que os soldados estadounidenses manteñen o control e se retomaron as repatriacións, no exterior, os talibáns controlan os accesos e en moitos casos, impiden con disparos a saída do país dos afgáns que colaboraron coas potencias estranxeiras.

Os Estados Unidos denuncia quen os talibáns non están cumprindo o prometido.
Nas últimas horas estanse difundindo nas redes vídeos en que se ven mulleres suplicando axuda aos soldados estadounidenses, supostamente, no aeroporto de Cabul, onde levan días cos fillos para intentar escapar dos talibáns.

Os novos gobernantes no país xa adiantaron que non contemplan un goberno democrático, que o sistema político se baseará na lei islámica. A Unión Europea e 19 países asinaron un comunicado conxunto advertindo de que van seguir de preto o trato a nenas e mulleres.

Así, o presidente estadounidense Joe Biden, aseguraba nas últimas horas que as súas tropas poderían quedar en Cabul despois do 31 de agosto, ata que saia o último estadounidense, dixo.

Mentres, a 1.600 quilómetros de Afganistán, nos Emiratos Árabes, o deposto presidente Ghani difundía unha mensaxe para xustificar a súa fuxida do país. Reiterou que se foi para evitar un derramamento de sangue e asegurou que está en negociacións para volver e tomar as rendas do país. Ghani tamén negou que fuxise con sacos de dólares, do que o acusaron nos últimos días.

Noticias web

19/08/2021