CRTVG

Buscar

Os talibáns entran en Cabul mentres o presidente afgán abandona o país

Publicado o 15/08/2021 17:34

• O ministro do Interior asegura que a transición será pacífica

• Exteriores acelera os plans para evacuar españois e colaboradores afgáns

Afganistán estaría xa a mercé dos talibáns. O rápido desenvolvemento dos acontecementos supuxo tamén, conforme fontes gobernamentais, que o presidente Ghani abandonara o país este domingo.

A ofensiva rápida dos fundamentalistas, que teñen a orde dos seus líderes de quedar ás portas de Cabul e de tomala sen violencia, ameaza con provocar a caída do actual Goberno afgán.

A capital de Afganistán era o último bastión gobernamental tras a caída de Jalalabad nas últimas horas.

A milicia islamita asedia a cidade "desde todas as frontes". Oficiais da OTAN e outro persoal europeo xa foi trasladado a un lugar seguro na capital. O presidente dos Estados Unidos incrementou a 5.000 os soldados para aumentar a seguridade da súa embaixada, que xa comezou a evacuación do seu persoal.

O ministro de Interior afgán en funcións confirmou o inicio de negociacións cos talibáns para organizar un goberno de transición. Queren transferir o poder ao goberno de transición de xeito seguro e pacífico.

Existe un acordo preliminar coas milicias para evitar unha ofensiva armada na capital, con 4,4 millóns de habitantes, e a situación é de pánico en Cabul. Os combatentes teñen a orde de non entrar na capital e de manterse nos accesos á cidade. Reuters informa de disparos en varios puntos nas proximidades de Cabul.

A evacuación do persoal diplomático acelerouse e os Estados Unidos comezaron a retirar ao seu persoal da embaixada tras o envío de tropas adicionais para protexelos.

España tamén acelerou os plans para a evacuación dos españois e dos seus colaboradores afgáns en Cabul. Exteriores informa de que a embaixada de España permanece aberta, pero asegura que están preparados para "calquera eventualidade".

Xa se pecharon con Defensa, Interior, Migracións e Presidencia os detalles loxísticos e a listaxe de persoas incluídas no plan de evacuación. Nestes momentos só hai seis residentes españois en Afganistán. A eles súmanse os intérpretes e tradutores afgáns, ademais das súas familias, que traballaron coas tropas ou cos diplomáticos. Por último, o persoal da embaixada: dous diplomáticos, entre eles o embaixador, oito contratados locais e 17 axentes de policía, (incluídos os GEO). En total, a cifra ascende a varios centos de persoas.