CRTVG

Buscar

Os talibáns anuncian un goberno interino, todos membros da milicia islamita

Publicado o 07/09/2021 18:16
EFE

Os talibáns revelaron este martes os membros clave do novo Goberno interino de Afganistán, no que non haberá mulleres e cuxos membros pertencen todos á formación islamita, a pesar da promesa dun novo Goberno "inclusivo". O mulá Hassan Akhund convértese no novo presidente, co mulá Abdul Ghani Baradar como a súa man dereita e xefe do Gabinete de ministros, revelou o principal portavoz dos talibáns, Zabihullah Mujahid, nunha conferencia de prensa en Cabul.

Aínda que Akhund é membro da cúpula dirixente dos talibáns desde hai dúas décadas e un dos seus fundadores, o líder do Goberno interino, aínda que moi respectado na formación, é menos coñecido que o resto dos ministros anunciados. 

Mujahid aclarou que se trata dun "Goberno interino", aínda que os talibáns deron poucas pistas sobre o futuro proceso político en Afganistán. Os talibáns tomaron o control de case todo Afganistán coa conquista de Cabul o pasado 15 de agosto, ao termo dunha rápida ofensiva durante a retirada final das tropas estadounidenses e da OTAN.

Os insurxentes anunciaron onte a conquista da provincia norteña de Panjshir, o último bastión opositor no país, aínda que a Fronte Nacional de Resistencia ( NRF) afirmou que segue presente na rexión. O anuncio dos talibáns chega o mesmo día en que centos de afgáns, moitos deles mulleres, manifestáronse en varias localidades de Afganistán para mostrar o seu apoio á resistencia contra os talibáns e para criticar a suposta axuda militar de Paquistán á formación islamita.

As protestas remataron con detencións de manifestantes e xornalistas e denuncias de agresións por parte dos insurxentes. 

Noticias web

07/09/2021