CRTVG

Buscar

Os talibáns advirten os EUA de consecuencias se non deixan Cabul o 31 de agosto

Publicado o 23/08/2021 19:39

A evacuación de Afganistán deberá rematar o 31 de agosto e, se non, haberá consecuencias. Así o asegurou o voceiro dos talibáns nunha entrevista en Sky News.

Suhai Shaheen di que non estenderán o prazo para que as tropas occidentais abandonen o país. Se os americanos quedan máis tempo, iso sería prolongar a ocupación, di. E advirte que esa é unha liña vermella que non aceptarán.

Tampouco formarán goberno ata que se vaian os militares da zona. Varios países da OTAN cren imposible rematar a evacuación dos colaboradores antes desa data.

En Afganistán, continúa moi caótica a situación no aeroporto de Cabul onde milleiros de persoas esperan para coller un avión e fuxir dos talibáns. Nas últimas horas producíase un tiroteo entre atacantes non identificados e as forzas de seguridade afgás. Segundo informou a CNN, o enfrontamento comezou cando un francotirador lle disparou os gardas afgáns, matando un deles e ferindo outros tres.

Desde que os talibáns tomaron o poder hai unha semana, 20 persoas morreron nos exteriores do aeroporto. Estímase que 20.000 persoas esperan para seren evacuadas. 

Os talibáns advertiron de que haberá "consecuencias" se os EUA ou o Reino Unido deciden ampliar máis aló do 31 de agosto o control sobre o aeroporto de Cabul. O presidente Biden expuso nas últimas horas unha posible prórroga para poder completar as evacuacións. 

Noticias web

23/08/2021