CRTVG

Buscar

Os supermercados galegos extreman as medidas contra a covid na campaña de Nadal

Publicado o 21/12/2020 17:57

Os supermercados galegos están a extremar o control das medidas preventivas da COVID-19. Durante o Nadal aumenta o número de persoas que acoden a facer as súas compras e o longo tempo de exposición ao virus fai que nos vaimos relaxando á hora de tomar precaucións

É unha campaña que xa está en marcha despois de que se detectaran algúns incumprimentos nas medidas de prevención. Incumprimentos como evitar que nos puntos críticos, como son as caixas ou os accesos, se amoreen os clientes, ou non dar indicacións aos consumidores de que levan a máscara mal posta. Para iso, dende o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral puxéronse en contacto coas sete grandes cadeas de alimentación do país, para que reforcen as indicacións das medidas preventivas con carteis e sexan máis escrupulosos no seu cumprimento. 

Aumenta a afluencia de xente polo Nadal. Todo o mundo acode con máscara, pero hai pequenos xestos como manter as distancias, o uso do xel hidroalcólico ou poñer luvas para coller produtos que non están envasados, como o pan ou a froita, que non sempre se cumpren. 

As cadeas deben extremar as precaucións. María Adela Quinzá Toraja, Xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, afirma que é unha chamada a que sexan máis proactivos, a que reforcen os controis de acceso, que en todo o momento se garanta a seguridade, que reforcen medidas de hixiene do produto, das instalacións, e que é algo moi importante que reforcen a ventilación.

Cada vez a percepción do risco é menor, ao convivir longo tempo coa COVID-19, pero a posibilidade do contaxio segue estando presente. 

Noticias web

21/12/2020