CRTVG

Buscar

Os 'supercontaxiadores' e a variante delta, detrás dos gromos 'explosivos' de Ordes e Monforte

Publicado o 26/08/2021 14:42

"A explicación destes gromos explosivos é que moitas persoas se expoñen a un mesmo foco de infección: un supercontaxiador; tamén se pode producir a nivel familiar, reunións".

Argumenta o catedrático de Medicina Preventiva e experto en Epidemioloxía Juan Gestal que a presenza de individuos con enormes cargas virais en grupos numerosos pode ser a causa do crecemento explosivo de gromos en concellos como o de Monforte, que nunha semana multiplicou por cen o número de casos activos.

Sen esquecer a enorme contaxiosidade da variante delta, que esixe sete veces máis esforzo do noso sistema inmune para evitar infección: "Ten unha gran capacidade para dominar as células do noso aparato respiratorio e poñelas a traballar para o que a ela lle convén. Utiliza a furina para romper a proteína da espícula e é o que lle facilita que penetre máis facilmente. De seis a oito veces máis anticorpos precisariamos para poder contela", explica Gestal.

E ante a evidencia de todos estes datos contrastados, recomenda fixarse na planificación do curso escolar que están facendo en países como os Estados Unidos: "Eles baixan o uso da máscara e recomendan a FFP2 a partir dos dous anos de idade, precisamente por esa maior transmisibilidade". Tamén explica o profesor que no comedor os nenos deberían comer en ringleiras e nunca fronte a fronte.

Noticias web

26/08/2021

Máis sobre Monforte de Lemos