CRTVG

Buscar

A Coruña ten o primeiro autobús que se move con biometano obtido de augas fecais

Publicado o 10/03/2019 21:52

Reposta na depuradora, circula coma calquera outro e é moito máis ecolóxico. Chega o autobús que fai a ruta da Coruña á Sada, pola fronte é un máis, pero polo lado xa intuímos que o que o move pode ser algo que saia dos nosos sumidoiros.

"É o primeiro vehículo de transporte metropolitano que se lle fai a transformación a gas biometano e nós agora mesmo estamos probando porque entendemos que son vehículo ecoloxicamente máis sostibles. Os usuarios quedaron moi sorprendidos ao saber que parte dos seus resíduos xeran un gas que axuda ao movemento dun atobús", di Arturo Míguez, xerente de Cal Pita.

Circula coma calquera outro, 365 días ao ano e só a hora de recargar, na EDAR de Bens, constatamos que as nosas augas fecais son o gas que o move.

"Co potencial enerxético que ten esta depuradora que presta os seus servizos aos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros poderiamos alimentar case 90 autobuses ao día. E iso é modificar a política enerxética dunha cidade, porque que non haxa emisións si que repercute na saúde dos cidadáns", di Carlos Lamora, director xeral da EDAR de Bens.

Así que este bus é só a primeira mostra do que poden dar de si os residuos que producimos.

"Unha parte do gas que se está xerando nesta depuradora estase empregando na planta que vemos detrás de min para purificarse, chegando a unha ratio de purificación incluso superiores ao gas natural que temos na rede. A maiores o que se pretende ao longo do ano é implantar un sistema de inxección na rede que permitirá inxectar parte dese gas renovable xerado na rede de gas natural", adianta David Meana, responsable da Área de Mobilidade Sostible do Centro Tecnolóxico EnergyLab.

Un bo xeito de termos asegurada a subministración, porque o noso metano non vai estar condicionado polas importacións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/03/2019