CRTVG

Buscar

Os socorristas das praias en Galicia traballarán este verán con novos protocolos

Publicado o 30/05/2020 17:30

O traballo dos socorristas non será exactamente igual ao de anos anteriores... Nun verán atípico o papel que desempeñen verase condicionado polas medidas de hixiene, de distanciamento social e por novos protocolos.

 "Ninguén vai poder aproximarse aos postos de salvamento. Nós teremos que utilizar material de maneira individualizada e acostumarnos a unha rutina de limpeza e de desinfección de material que será diaria e mesmo por horas", dixo Javier Vázquez, presidente da Asociación de Socorristas Profesionais do Morrazo.

Tamén cambian os protocolos á hora de realizar manobras de reanimación... terán que utilizar na medida do posible balas de osíxeno e non o boca a boca.

"Para as persoas que saquemos da praia afogadas as primeiras ventilacións son fundamentais para eles, se temos material indirecto usarémolo, se non usaremos un protector, agora hainos con filtros víricos, que nos poderían asegurar dalgún xeito".

Lembran que entre as súas tarefas está a de informar os bañistas, pero non a de vixiar coma se fosen policías, xa que -din- non teñen autoridade para forzar ao acatamento das normas.

 "Que haxa unhas recomendacións moi claras, unha cartelería eficaz para que nós poidamos dar a información e a partir de aí, coa cooperación da xente ordenar a praia e que todos poidamos gozar dela, pero non podemos perseguir os presuntos infractores de normas".

Demandan que os concellos non atrasen máis a súa contratación...  "Imos chegar tarde e é máis difícil quitarlles os hábitos adquiridos aos que van sempre, con garantías, pero que intenten poñer socorristas xa, porque o tempo que estamos a perder é moi valioso". 

Noticias web

30/05/2020