CRTVG

Buscar

Os independentistas copan a atención no arranque da lexislatura cun Congreso moi fragmentado

Publicado o 21/05/2019 20:31

• Junqueras a Sánchez: "Temos que falar"

• PP, C's e Vox piden a suspensión dos parlamentarios presos

• Batet e Manuel Cruz, presidentes do Congreso e do Senado

Oriol Junqueras e os outros tres xulgados polo procés entraban no hemiciclo entre aplausos dos seus. O ex-vicepresidente catalán departía primeiro con Pablo Iglesias e xa entrada a sesión achegábase ao escano de Pedro Sánchez, con quen conversaba durante uns segundos.

Gabriel Rufián, de ERC, di que "intercambiaron dúas, tres palabras, arredor do diálogo, a que hai que falar. A frase literal foi 'temos que falar'".

No Senado, era o outro preso preventivo, Raül Romeva, quen capitalizaba a atención. Nas dúas cámaras cumpriuse o guión: os socialistas Meritxel Batet e Manuel Cruz asumiron senllas presidencias. O acatamento da Constitución plos novos parlamentarios trouxo a primeira lea da lexislatura. Os independentistas prometeron por imperativo legal, como presos políticos e por lealdade ao mandato do un de outubro..., pero os golpes dos deputados de VOX impediron oílo. Albert Rivera pedía a palabra para afearlle á presidenta a súa tolerancia.

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos , dixo que "hoxe viñeron volver humillar os españois. Non o ides lograr, non o lograrán. Esta cámara, presidenta, merece que vostede nos defenda a todos os españois. Pídolle que actée" Meritxell Batet, presidenta do Congreso, respondeulle que "non é a primeira vez que se utilizan fórmulas distintas. Temos xurisprudencia do Tribunal Constitucional".

Pablo Casado, presidente do PP, di que "a Constitución, ou se acata ou non se acata, ou se defende ou se aldraxa. E nós o que pensamos é que hai varios deputados de partidos independentista que viñeron aquí aldraxar a lei de leis" Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, di que "calquera deputado ten dereito a acollerse, e xa o explicou moi ben a presidenta citando unha sentenza do Tribunal Constitucional, calquera fórmula de acatamento".

A sesión tamén deparou o primeiro pacto entre PSOE e Podemos: combinaron os seus votos para facérense con 5 das nove cadeiras da Mesa do Congreso.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí