CRTVG

Buscar

Os socialistas gañan en Galicia tras catro décadas de hexemonía popular

Publicado o 29/04/2019 09:01

O PSOE tamén gañou en Galicia. Logrou 10 escanos fronte aos 9 do Partido Popular. Tamén estarán no Congreso os representantes galegos de Unidas Podemos e por primeira vez Ciudadanos, con dous deputados cada un. O BNG e En Marea quedan fóra do Congreso. Vox tampouco logrou representación na nosa comunidade.

Tras case catro décadas de hexemonía popular, o PP queda relegado a segunda forza política en Galicia, superado por un PSdeG-PSOE que logrou dez escanos, fronte aos 9 dos populares. Os socialistas, co 32% dos votos, recibiron 524.000 apoios. Son dez puntos e catro escanos máis ca en 2016. O PP logrou o 27% dos votos e 447.000 apoios.

En Común-Unidas Podemos quedan como terceira forza, empatados con Ciudadanos, e dous escanos cada un.

Nin o BNG nin En Marea lograron representación no Congreso. O Bloque queda como quinta forza, e aínda que logrou duplicar o número de votos de hai tres anos, non foi suficiente. A formación de Villares logrou o 1% dos votos e quedou de sétima forza.

Foi nas provincias atlánticas onde se asentou a vitoria socialista. O Partido Popular perdeu un deputado en cada provincia, agás en Lugo.

Na Coruña, socialistas e populares empatan a tres escanos, mentres En Común-Unidas Podemos e Ciudadanos logran un cada un.
En Lugo, Partido Popular e PSdeG empatan a dous escanos. Igual ca na provincia de Ourense.
E na de Pontevedra, os socialistas son primeira forza e logran tres escanos. O PP baixa dous escanos e quedan con dous. En Común-Unidas Podemos e Ciudadanos logran un escano cada un.


 

Noticias web

29/04/2019