CRTVG

Buscar

Os sindicatos rompen as conversas coa Xunta e segue a folga indefinida na xustiza

Publicado o 21/02/2018 10:29

En Galicia vai continuar a folga indefinida na xustiza unha vez que os sindicatos romperon as negociacións para poñerlle fin ao conflito. Aseguran que non haberá máis diálogo coa Xunta ata que lles ofreza un novo interlocutor e retire da mesa o director da Función Pública, ao que cualifican de usurpador. Para o Goberno é unha mostra máis de que non queren negociar.

Dúas semanas desde que comezou o paro indefinido na xustiza galega e as posturas da Administración e dos representantes dos máis de 2.700 traballadores afectados afástanse cada vez máis. O comité de folga, despois doutra longa xornada de reunións, levantouse da mesa e asegura que o conflito está coma o primeiro día, máis aberto ca nunca. Reclaman, ademais, que a Xunta lles ofreza outro interlocutor para regresar ás conversas e descualifican o director xeral da Función Pública para negociar con eles.

O Goberno insiste en que esta é unha mostra máis de que os representantes dos traballadores non queren ningunha negociación, senón prolongar o conflito na xustiza.

A ruptura das negociacións aboca a unha parálise que, conforme os sindicatos, xa supuxo a suspensión de entre 6 mil e oito mil xuízos nos dez días de paro. A Xunta rebaixa a cifra a tres mil.

 

Noticias web

21/02/2018