CRTVG

Buscar

Os sindicatos abandonan a negociación, críticos co plan da Xunta para o curso que vén

Publicado o 16/07/2020 13:39

Os sindicatos retiráronse da negociación coa Consellería de Educación sobre os plans da Xunta para adaptar os centros educativos ás medidas de prevención contra a propagación da pandemia de coronavirus no próximo curso 2020-2021, informa CIG-Ensino.

Nun comunicado, o citado sindicato cualifica o plan da Xunta de "temeridade" e considera que é "inviable" por tratarse dun "documento alleo á realidade das aulas".

A proposta da Xunta "descarga toda a responsabilidade preventiva nos equipos directivos e no profesorado", denuncia CIG-Ensino, e engade que a Xunta "pretende afrontar a pandemia sanitaria nas aulas sen incremento orzamentario, sen contratación de persoal de reforzo e sen redución de cocientes" de alumnos por clase.

Nese sentido, indica que este venres informarán nunha conferencia de prensa dos detalles acerca da postura crítica sobre o plan da Xunta.

Tamén o sindicato STEG reprocha que o documento presentado pola Consellería de Educación mostra que "segue sen asumir as dimensións do reto" que implica a pandemia para o sistema educativo. 

Segundo STEG, a proposta da Xunta, ademais de conter "vaguidades" e "imprecisións", "volve outorgar unha responsabilidade excesiva ao profesorado e ás familias" e "prescinde de medidas fundamentais para abordar os problemas sanitarios, de hixiene, seguridade e saúde laboral que implica a pandemia da covid-19".

O sindicado reclama que a Xunta debe proceder a unha "diminución efectiva dos cocientes por aula a 15 alumnas" fronte aos 25 actuais e "contratar máis profesorado". 

A Xunta anunciou este martes a intención de facer un test serolóxico a todo o persoal dos centros educativos de Galicia para previr a epidemia de coronavirus, como principal medida para o próximo curso escolar.

O seu plan establece unha serie de regras, como levar máscara, salvo cando os alumnos estean nos seus pupitres a un metro de distancia e na mesma orientación.

Ademais, os centros deberán retirar mobiliario non indispensable ou utilizar aulas de maior dimensión.

Os de educación infantil e primaria poderán optar por organizar grupos estables de aula ata un máximo de 25 alumnos, pero non poderán mesturarse con outros grupos.

Educación considera unha "irresponsabilidade" a actitude dos sindicatos

A Consellería de Educación cualificou este xoves a actitude dos sindicatos de "irresponsabilidade" e instounos a negociar o protocolo de adaptación á nova realidade poscovid-19 para o inicio do próximo curso.

Así o expresou a Xunta nun comunicado despois de que os sindicatos se levantasen este xoves da mesa sectorial que debía tratar este protocolo, segundo Educación, "ao negárense a calquera negociación que non pasase pola retirada íntegra do documento".

Educación explicou que, "ante a decisión dos sindicatos de non facer achegas construtivas ao protocolo", o documento "continuará a súa tramitación e será analizado polo Comité intercentros de seguridade e saúde laboral".

Unha vez recibido o visto e prace deste comité, será enviado aos centros "para que poidan ir preparando o inicio" do próximo curso.

A Consellería de Educación defendeu a mesa sectorial como "órgano de negociación entre a Administración e as organizacións sindicais" e apuntou a vontade da Xunta de "atender as demandas" dos sindicatos, algo que "quedou xa plasmado no compromiso de facerlle tests serolóxicos a todo o persoal dos centros educativos".