CRTVG

Buscar

Os sindicatos pensan que a remuda en Navantia "non é seria"

Publicado o 06/04/2021 15:47

O presidente do Comité de Navantia Ferrol afirmou este martes que a remuda da enxeñeira Belén Gualda á fronte da compañía, para asumir a presidencia da Sociedade Estatal de particpacións Industrias (SEPI), "non é seria".

Segundo Emilio García Juanatey, a designación de Ricardo Domínguez como novo titular prodúcese "nunha situación complicada" para o grupo público. O sindicalista, voceiro de CCOO, asegurou en conferencia de prensa que o cambio "non está xustificado". "Agardamos que non afecte os proxectos, pero non temos a certeza", engadiu.

Ademais, salientou a necesidade dun "buque ponte" para paliar a falta de carga de traballo na ría de Ferrol, onde ata febreiro de 2022 non vai comezar o corte de chapa das fragatas F-110 da Armada Española.

Do mesmo xeito, reclamou a execución das medidas de modernización das instalacións co obxectivo de contar cun novo dique para "construír barcos do século XXI".