CRTVG

Buscar

Os sindicatos de xustiza estudan unha oferta da Xunta para desbloquear a folga

Publicado o 13/02/2018 11:11

Quinta xornada de folga na Administración de Xustiza sen que as partes consigan achegar posturas. Entre hoxe e mañá, os sindicatos vanlles trasladar aos funcionarios a última proposta da Xunta, que oferta un incremento salarial de entre 800 e 1.000 euros anuais a partir de 2019, un 20% máis do ofrecido ata agora.  

Rematou sen acordo a última reunión entre a Xunta e o comité de folga dos empregados de Xustiza. Unha xuntanza en que, en materia salarial, o Goberno mellorou de 13 a 15 euros mensuais a súa oferta de suba.

"No tema retributivo, o que podemos dicir con toda claridade é que é a última oferta da Administración", advirte o director xeral de Función Pública.

Os sindicatos rexeitárona por considerala insuficiente e porque non se faría efectiva, din, antes do ano que vén.

"Estamos aínda moi lonxe de alcanzar un acordo. Isto non é só unha reivindicación de carácter retributivo pero é, quizá xunto cos descontos das baixas, a discriminación máis flagrante", afirma o voceiro do comité de folga.

Tamén o comité de folga rebaixou a súa petición, de 270 a 225 euros ao mes, xa para este ano. Pero á Administración segue parecéndolle esaxerada. A folga indefinida continúa e o vicepresidente da Xunta reitera o chamamento aos sindicatos para que a desconvoquen.

"Non é un pulso contra a Xunta, é un pulso contra os cidadáns, que ven como xa son moitos días nos que non se poden facer trámites xudiciais, non se celebran xuízos e creo que iso non é bo para ninguén", dixo Alfonso Rueda.

Segundo fontes sindicais, desde que comezou a folga indefinida na Administración de Xustiza suspendéronse 3.000 xuízos, todos os que non implicaban a presenza de presos ou medidas de protección.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/02/2018