CRTVG

Buscar

Os sindicatos de Alcoa insisten en que non van avalar a venda a Parter

Publicado o 03/07/2019 12:32
Os sindicatos de Alcoa insisten en que non van avalar a venda a Parter

Os representantes sindicais de Alcoa Avilés advertíronlle este mércores á compañía de que non van ratificar o posible acordo de compravenda que se poida pechar co fondo suízo Parter, dado que non tomaron parte dun proceso que non pensan avalar.

Ante a posible firma do contrato de compravenda na reunión que terá lugar esta tarde en Madrid, o presidente do comité de empresa de Alcoa Avilés, José Manuel Gómez de la Uz, aseverou que espera que "non se lles ocorra" involucrar á parte social "en nada" dado que eles non participaron neste proceso. O presidente insistiu en que non metan á parte social polo medio, "porque se o tentan para avalar a súa compravenda e que logo non haxa posibles denuncias ou que, aínda incumprindo o acordo, non se poida facer nada, que se esquezan", recalcou.

Na última reunión, Alcoa propuxo, unha vez máis, que a parte social ratificase o preacordo, algo ao que se negaron os sindicatos, entre outras razóns, por descoñecer os pormenores do proxecto investidor. Alcoa e Parter déronse de prazo ata o 31 de xullo para emendar os problemas de tipo financeiro que parece que ten o investidor. Despois de que Alcoa paralizase temporalmente a venda ao considerar que o comprador non cumpría coas garantías financeiras requiridas, a multinacional estadounidense do aluminio esixiu a Parter garantías financeiras que acheguen maior liquidez, que supoñerían uns 26,7 millóns de euros.

Parter garantira 250 traballadores en cada unha das fábricas -fronte aos 317 con que conta a planta de Avilés e os 369 da da Coruña, cantidade que podería incrementarse no caso de que arrinquen as series de electrólise.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/07/2019