CRTVG

Buscar

Os sindicatos convocan dous días de folga de profesores nos centros galegos

Publicado o 28/08/2020 17:39
Os sindicatos convocan dous días de folga de profesores nos centros galegos

O curso escolar en Galicia arrincará con mobilizacións. O malestar das organizacións sindicais ante a falta de diálogo para abordar o protocolo e as medidas de reforzo ante a covid-19 desembocará finalmente nun calendario de protestas.

O paro está secundado por CIG, CC.OO, STEG e CSIF, que presentarán as diferentes accións e detallarán este programa de protestas nun acto público o vindeiro luns, 31 de agosto.

As catro asociacións avanzaron, no entanto, que a folga do profesorado se desenvolverá en dúas xornadas que coincidirán co inicio das actividades lectivas nas diferentes etapas educativas, nas que chaman á "participación masiva" do profesorado.

En Galicia, a previsión é que o curso arrinque o 10 de setembro para infantil e primaria, mentres que Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), Bacharelato e Formación Profesional volverán ás clases o día 16.

Estas entidades censuraron a "imposición unilateral" do protocolo da Xunta, que supón "unha irresponsabilidade na xestión" dos centros, e reivindicaron o "compromiso xa adquirido" no mes de xullo e as protestas emprendidas após a "farsa negociadora" deste documento e o "unánime rexeitamento" da comunidade educativa.

"Naquel momento foi claro o compromiso de non aceptar a complicidade cun documento e cunha situación sanitaria que, no seu conxunto, eran inasumibles. Hoxe, transcorrido un mes, a situación sanitaria empeorou claramente no noso país e a Consellería non se moveu das súas intencións de asumir como criterio de actuación o custo cero".

O acordo e os puntos consensuados entre o Goberno central e as comunidades tampouco convenceu os portavoces sindicais, que este xoves censuraron a falta de mención algunha a unha hipotética redución de alumnos por aula ou a un reforzo dos cadros docentes para poder cumprir coas distancias e as directrices de seguridade fronte á covid-19.

Mentres, FesP-UXT e ANPE Galicia, as outras dúas organizacións que forman parte da mesa sectorial de Educación, decidiron manterse á espera. Segundo trasladou Julio Díaz, o sindicato optou por esperar a coñecer as medidas concretas que presentará a Consellería no protocolo definitivo.

No entanto, Díaz advertiu que esta decisión non implica "darlle carta branca" á Xunta, e asegurou que os servizos xurídicos están preparados e que tomarán "todas as medidas necesarias" para garantir a seguridade da comunidade educativa.

Folga de alumnos

Neste contexto, os profesores non son os únicos que deron un paso á fronte para denunciar o seu malestar. O Sindicato de Estudantes rexeita terminantemente as medidas acordadas na Conferencia Sectorial Conxunta e manteñen unha convocatoria de folga estudantil para os días 16, 17 e 18 de setembro en toda España.

Así mesmo, a organización reclamou a dimisión da ministra de Educación, Isabel Celaá e lembraron que a comunidade educativa está a pedir "medidas concretas", como baixadas de cocientes, un plan de rescate da educación pública ou a contratación de docentes.