Ourense agarda con preocupación novas treboadas tras a desfeita do domingo
Os bombeiros estiveron traballando na cidade de Ourense ata as cinco da madrugada para asegurar as zonas máis conflitivas. Horas máis tarde, seguían recibindo chamadas e atendendo urxencias. O que preocupa agora é que volven anunciar tormenta para as próximas horas.
As treboadas do domingo, coñecidas no eido meteorolóxico como 'rebentón', non produciron danos persoais, pero si numerosas desfeitas. Policía, bombeiros e proteccion civil atenderon máis dun cento de chamadas. Ao redor dunha trintena, por cubertas afectadas. A piscina no pavillón dos Remedios permanecerá pechada ata que se arranxen os estragos.
Os equipos de emerxencia traballan contra o reloxo. Sobre todo, centran os esforzos na retirada de cascallos e árbores de grandes dimensión. Polo de agora, aínda é cedo para facer unha valoración oficial dos danos. Porén, os seguros xa están alerta tras recibiren unha avalancha de chamadas particulares.