Trump promete unha transición ordenada tras o asalto ao Capitolio
• O Congreso certifica a vitoria de Biden tras unha xornada de disturbios en Washington con catro mortos
• O presidente queda só, cunha tépeda condena do asalto
• Biden sinala a Trump e o mundo pide orde no traspaso de poderes
O presidente saínte estadounidense, Donald Trump, aceptou este xoves que a súa Presidencia será dun só mandato e prometeu unha "transición ordenada", despois de que o Congreso ratificase a vitoria electoral do mandatario electo Joe Biden.
"A pesar de que estou totalmente en desacordo co resultado das eleccións, e os feitos están do meu lado, con todo, haberá unha transición ordenada o 20 de xaneiro", dixo Trump nun comunicado distribuído en Twitter por un dos seus principais asesores, Dan Scavino.
"Sempre dixen que continuariamos a nosa loita para asegurar que só se contaban os votos legais. Aínda que isto representa o fin do mellor primeiro mandato na historia presidencial, só é o comezo da nosa loita para facer aos Estados Unidos Grandes de Novo!", engadiu, citando a súa lema electoral.
A reacción de Trump chegou a través de Scavino porque a conta de Twitter do propio presidente saínte está suspendida temporalmente, debido a unhas mensaxes nos que o mandatario xustificou o asalto ao Capitolio por parte dos seus simpatizantes.
Trump non chegou a recoñecer do todo a derrota no seu comunicado, algo que prometeu aos seus seguidores que "nunca" faría, pero si admitiu que o seu mandato chega ao seu fin, e que terá que abandonar a Casa Branca o próximo 20 de xaneiro.
O Congreso ratifica a vitoria de Biden
A súa mensaxe chegou minutos despois de que o Congreso dos EUA ratificase a vitoria do presidente electo, o demócrata Joe Biden, nas eleccións de novembro, tras unha longa e extraordinaria xornada que incluíu un asalto ao Capitolio para interferir no proceso de confirmación dos resultados.
A sesión conxunta de ambas as cámaras do Congreso confirmou que Biden e a vicepresidenta electa, Kamala Harris, superaron a barreira dos 270 votos electorais que dá as chaves da Casa Branca, cun total de 306, e por tanto chegarán ao poder o próximo 20 de xaneiro.
O vicepresidente estadounidense, Mike Pence, que presidía a sesión, declarou que esa ratificación debía considerarse "suficiente" para aceptar a elección de Biden.
Pence puxo así fin a unha sesión que comezou á primeira hora da tarde do mércores e quedou interrompida polo violento asalto ao Capitolio dos seguidores do presidente Donald Trump, un asedio que durou case catro horas e rematou con catro mortos, 14 policías feridos e polo menos 52 detidos.
Disturbios violentos no asalto ao Capitolio
A Policía Metropolitana de Washington confirma un total de catro mortos tras o asalto ao Capitolio protagonizado por centos de seguidores de Trump, incluíndo a muller que recibía un disparo dun membro das forzas de seguridade; non se deron detalles do resto dos falecementos. 14 axentes resultaron feridos, dous deles graves. O número de persoas arrestadas elévase a polo menos medio cento, unha trintena delas por non respectar o toque de queda. A alcaldesa da cidade, Muriel Bowser, estendeu o estado de emerxencia durante quince días, ata despois da investidura de Joe Biden como presidente, prevista para o 20 deste mes.
As dúas Cámaras do Congreso estadounidense rexeitaron -por separado, como esixe a lei- as alegacións dos republicanos aos resultados en varios estados.
Medios do país como a CNN e a CBS informan de que membros da Administración Trump estarían estudando a posibilidade de invocar a emenda 25 da Constitución alegando a súa incapacidade para servir no cargo e traspasarlle as súas funcións de presidente ao vicepresidente, Mike Pence. Tres membros do equipo do aínda mandatario e da aínda primeira dama presentaron a súa dimisión inmediata; entre elas, a vicevoceira da Casa Branca, Sarah Matthews.
A sesión do Congreso dos EUA para validar os resultados dos comicios de novembro retomouse cunha declaración do vicepresidente do país, Mike Pence, condenando a violencia e dirixíndose aos que asaltaron o Capitolio para dicirlles que eles "non gañaron", porque "a violencia nunca gaña. Gaña a liberdade". Pence engadiu que, mentres se volvían reunir, "o mundo volverá ser testemuña da resistencia e da forza" da súa democracia.
Foi a presidenta da Cámara de Representantes, a demócrata Nancy Pelosi, a que anunciou que a sesión se retomaría en canto todo estivese listo no Capitolio. Explicou que así se decidiu tras consultar outros líderes do Congreso e logo de chamar ao Pentágono, ao Departamento de Xustiza e ao vicepresidente Mike Pence. Pelosi dixo que a sesión "formará parte da historia pola imaxe vergoñenta do país que se lle amosou ao mundo, instigada ao máis alto nivel".
Máis de tres horas de asalto
Axentes antidisturbios despexaron o Capitolio dos EUA e restableceron a seguridade máis de tres horas despois de que centos de seguidores do presidente saínte, Donald Trump, irromperan nel pola forza. A Policía expulsounos do interior e dos arredores, pero -malia ao toque de queda- son moitos os que seguen na rúa, noutras zonas do centro da capital estadounidense. Algúns dirixíronse cara a unha praza situada nas proximidades da Casa Branca bautizada como "Black Lives Matter" ("As vidas negras importan") e dúas ducias protagonizaron enfrontamentos con manifestantes contrarios a Trump ata que a Policía os parou.
Ás 18:00 horas en Washington (medianoite en Galicia) entrou en vigor o toque de queda, que rexerá ata as 6:00 horas, 12:00 horas na nosa comunidade. O Pentágono activou a todos os reservistas da Garda Nacional do Distrito de Columbia, arredor de 1.100 soldados, para controlar a situación.
Ao berro de "Trump gañou"
A esta situación chegouse logo de que centos de seguidores do mandatario irrompesen no Congreso dos EUA, ao berro de "Trump gañou", tras desbordar a policía e provocaron caóticas escenas na capital estadounidense, polo que o Goberno da cidade decretou o toque de queda.
"Non cederemos nunca, nunca concederemos", díxolles o presidente Donald Trump aos milleiros de manifestantes congregados pola mañá nos arredores da Casa Branca para a marcha denominada 'Salvar os EUA'. A concentración reuniu decenas de milleiros de persoas que acabaron dirixíndose ao Congreso, reunido para certificar a vitoria do demócrata Joe Biden nas eleccións presidenciais de novembro, un triunfo que non é aceptado por Trump.
Nos seus discursos, o gobernante saínte animou os seus seguidores a deter a "fraude electoral" e asegurou que o futuro dos EUA estaba en xogo. Instou a marchar cara ao Congreso.
Unha hora despois, milleiros de manifestantes cumprían a suxestión do mandatario e desprazábanse cara ao Capitolio, a menos de dous quilómetros do lugar da concentración. A partir de aí, comezou o caos.
As imaxes amosaban como os seguidores do mandatario saínte se encaraban cos axentes que conforman a barreira policial de seguridade e eran repelidos con gases lacrimóxenos. Posteriormente, cristais rotos, portas crebadas e pelexas no interior do Congreso entre seguidores de Trump e os policías encargados de custodiar o Lexislativo.
Evacuación do Capitolio
A policía ordenou entón a evacuación de todos os lexisladores ao verse superada polos manifestantes. Algúns lograron acceder ao pleno da Cámara de Representantes e mesmo un sentou nun dos sitios destinados para os discursos oficiais ao berro de "Trump gañou".
Á vez, fóronse coñecendo informacións de disparos dentro do Capitolio, ao que lle segiu a orde da alcaldesa de decretar o toque de queda na cidade.
Ao mediodía, e ante a espiral do caos, Trump comezou a chamar á calma. "Pido a todo o mundo no Capitolio que sexa pacífico. Nada de violencia. Lembren, somos o partido da lei e a orde, respecten aos nosos grandes homes e mulleres de uniforme", escribiu o mandatario.
Con todo, culpou o seu vicepresidente, Mike Pence, que presidía a sesión no Congreso, do caos xerado en Washington por non revogar a vitoria electoral de Biden. "Mike Pence non tivo a valentía de facer o que debería facer para protexer o noso país e á nosa Constitución (...). Os Estados Unidos esixen a verdade!", escribiu Trump nun primeiro chío mentres os seus seguidores entraban á forza no Capitolio.
Os incribles acontecementos deste mércores prodúcense despois de que o mandatario se resistira á vitoria de Biden nas eleccións, a pesar de que en novembro quedou claro que obtivera máis votos que o presidente nos estados clave para confirmar a maioría dos 538 votos electorais asignados os 50 estados da Unión.
Desde entón, o presidente e un equipo legal minguante perderon todas as accións xudiciais para desafiar o resultado electoral nos estados máis importantes, como Arizona, Xeorxia, Michigan, Nevada, Pensilvania ou Wisconsin. O pasado 14 de decembro todos os estados do país certificaron a que candidato asignaban os seus compromisarios do Colexio Electoral con base no escrutinio. Ese día quedou claro que Biden superou os 270 compromisarios necesarios para ser o próximo presidente de Estados Unidos a partir do 20 de xaneiro.