CRTVG

Buscar

Os sanitarios prepáranse para comezar a vacinar

Publicado o 28/12/2020 14:08

Os equipos especiais de vacinación de toda Galicia están xa preparados para comezar a subministrar o fármaco nas residencias de maiores e centros de discapacitados. Para levar a cabo con plenas garantías este complexo procedemento preparáronse arreo estas últimas semanas. 

"Estamos preparando o material para cando comecemos a vacinación da covid-19 nas residencias. Os compañeiros están preparando uns maletíns de primeiros auxilios coa medicación básica, para coller unha vía e as cousas máis básicas. E tamén estamos preparando os EPI e todas as cousas que temos que levar para as residencias", explican no Complexo Hospitalario de Ourense.

11 equipos de alta cualificación compostos por 22 profesionais voluntarios de enfermería e Atención Primaria serán os encargados de desprazarse ás residencias de maiores e centros de discapacidade para subministrar as vacinas ao longo das próximas semanas na área sanitaria de Ourense.

"Nós o que imos facer é pasar polas residencias da área sanitaria de Ourense", di Nuria Martínez Blanco, enfermeira especialista en Enfermería Familiar.

Con ampla experiencia noutro tipo de vacinas, para desenvolver esta complexa operativa de loxística e o seu protocolo de actuación os profesionais estiveron formándose presencial e telematicamente.

Ademais dos elementos de protección como batas, máscaras, guantes e demais material, nos seus desprazamentos levarán un maletín de primeiros auxilios. 

"Temos actocortina, adrenalina, glucagón, un pouco medicación de urxencia, e ademais no maletín temos o material para coller vías, soros por se fixesen falta, material para tomar constantes...".

Prevese que á área Sanitaria de Ourense cheguen de inicio 3.000 doses da vacina. E a partir do mércores e aao longo das tres vindeiras semanas comezarán a inmunización nunhas 140 residencias da provincia, unhas 9.000 persoas entre residentes, e traballadoras e traballadores, 37.000 en toda Galicia.

Noticias web

28/12/2020