CRTVG

Buscar

Os salarios do Goberno galego quedarán conxelados o ano que vén

Publicado o 16/11/2020 15:43

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que os orzamentos autonómicos para o próximo ano contemplarán a "conxelación de todos os soldos do Goberno" galego.

"Neste momento de dificultades, o Goberno da comunidade autónoma ten que ser o primeiro en apertar o cinto", dixo. Con esta medida o titular da Xunta quere "mandar unha mensaxe ás familias, ás persoas que están en ERTE, ás persoas que están en ERE e ás persoas que están a pasar un mal momento", porque “o orzamento do 2021 vai para eles, para reactivar a economía, para inxectar capacidade económica nos sectores produtivos".

O orzamento achegará, afirmou o presidente da Xunta, "un investimento excepcional para manter os postos de traballo ata que a vacina empezo a producir os seus efectos".

Feijóo destacou que o Goberno galego presente os orzamentos "nos cen primeiros días", poucas semanas despois de tomar posesión, para contar cunhas "contas ordenadas nos primeiros meses do ano 2021".

Segundo dixo, estas contas "supoñen compromiso con Galicia" e mostran que a Xunta é "perfectamente consciente" da situación, porque "veñen tentar paliar os problemas da pandemia".