Os romanos atravesan o río Limia na Festa do Esquecemento
Unha batalla salvaxe tivo lugar esta mesma tarde en Xinzo de Limia. Romanos e castrexos enfrontáronse, un ano máis, na Festa do Esquecemento, despois de que os soldados imperiais atravesasen o suposto río Lethes para conquistar a indómita Gallaecia.
Ano 137 antes de Cristo. As tropas de Décimo Xuño Bruto chegan á beira do río Limia e néganse a atravesar. Pensan que se trata do mítico Lethes, o río do Esquecemento, que transporta os mortos ata a lagoa Estixia.
"Dicían que se cruzabas este río perdías a memoria e non podías volver á casa da que partiras", explica Iván Prado, presidente da asociación Civitas Limicorum, organizadora da festa.
Contra as recomendacións da sacerdotisa, Décimo Xuño Bruto cruza o río, e, tras el, os seus soldados.
Do outro lado, os castrexos, capitaneados por Beltain dos Límicos, deciden resitirse á ocupación: "Imos intentar que non nos invadan os romanos, manter as nosas terras libres".
Tras unha violenta batalla, Beltaine morre a mans de Décimo Xuño Bruto, que lle rende unha última homenaxe pola súa valentía: "Acabo de rematar con moito honor co Beltaine. Imos respetar os seus corpos e beber na honra deles".
E así chegamos á edición número 19 da Festa do Esquecemento, que cada ano nos fai recordar as orixes da nosa historia.