CRTVG

Buscar

Os robots suplen a escaseza de man de obra nas explotacións gandeiras

Publicado o 14/02/2019 21:32

A escaseza de man de obra cualificada para as explotacións gandeiras está a ser suplida cada vez en maior medida pola implantación de maquinaria robotizada. De feito, en Galicia xa hai operativos preto de 400 robots de muxidura, despois de que o ano pasado se instalaran 70 novas muxidoiras totalmente automatizadas.

Este robot encargado de arrimarlle o alimento ao gando é unha das últimas incorporacións a unha granxa do Páramo onde gran parte do traballo xa está automatizado. Vén sumarse a unha mamadeira e ás catro muxidoiras, tamén robotizadas, que prestan servizo na explotación. Os propietarios suplen deste xeito a carencia da suficiente man de obra cualificada que precisarían para atender as necesidades dun número de animais que non deixa de aumentar.

Os sindicatos agrarios constatan esta tendencia a adquirir aparellos automatizados para compensar a escaseza de man de obra. Segundo Unións Agrarias, o fenómeno é consecuencia da falta dunha aposta decidida por unha formación específica, unida á situación delicada que atravesa o sector lácteo, xa que as actuais marxes de beneficio non propician a contratación.

Tras a incorporación de 70 novas máquinas en 2018, en toda Galicia xa hai preto de 400 muxidoiras robotizadas.





 

Noticias web

14/02/2019