CRTVG

Buscar

Os rexistros civís engaden 13.000 mortos desde o inicio da pandemia, segundo MoMo

Publicado o 28/05/2020 11:00
Os rexistros civís engaden 13.000 mortos desde o inicio da pandemia, segundo MoMo

A mortalidade en España por todas as causas disparouse un 55,2% entre o 13 de marzo e o 22 de maio, período en que España está baixo o estado de alarma polo coronavirus, segundo os últimos datos do Sistema de Monitoraxe da Mortalidade diaria (MoMo), que utiliza a información de mortalidade por todas as causas que se obtén diariamente de 3.929 rexistros civís informatizados do Ministerio de Xustiza.   

De acordo con estas cifras, producíronse 43.034 falecementos máis dos esperados entre estas datas nunha situación normal: estimábase que neste período se ían producir 77.817 mortes, pero o sistema contabiliza 120.851. A actualización do MoMo deste mércores incorporou outras 13.250 mortes que non se incluíron ata o de agora por atrasos nos rexistros civís durante os peores momentos da pandemia. Esta demora sitúase nunha mediana de 54 días, con variabilidade entre comunidades autónomas.

E incremento é semellante en homes (40%) e mulleres (43%), e concéntranse nos maiores de 74 anos (49%).  

A maior diferenza en cifras prodúcese en Cataluña, que agregou 8.514 mortes ao sistema que non se notificaron aínda. Nesta comunidade autónoma o exceso de mortalidade durante a pandemia é do 96%: esperábanse 12.195 falecementos e producíronse realmente 23.860. En Castela e León este exceso é do 114 por cento, é dicir, 3.595 falecementos:  MoMo estimaba que se ían a producir 3.164 pero elevouse a 6.759.   

Castela-A Mancha tamén sufriu un importante aumento: un exceso do 206 por cento (5.114 mortes máis das esperadas), con 7.596 mortos notificados. Madrid tamén mostra unhas cifras similares: 162 por cento máis de mortes (14.104), con 22.821 falecementos fronte aos 8.716 esperados. Como último exemplo, Navarra ten un exceso de 610 mortes (137% máis), con 1.055 falecementos, en comparación cos 446 esperados.   

Tras estas correccións de hoxe, principalmente nos rexistros civís de Barcelona, o sistema apunta que os maiores atrasos de notificación de defuncións por parte dos rexistros civís no últimos sete días localízanse agora en Aragón e Cantabria, principalmente. Concretamente, consideran que hai unha infranotificación do 36 por cento en Aragón durante a última semana e do 29 por cento na comunidade cántabra. Así mesmo, é do 12 por cento en Navarra. Outras rexións sitúanse en torno ao sete por cento de atraso.