Os retos de Biden: unir a sociedade, frear a pandemia e retomar alianzas perdidas na era Trump
Biden chega cun obxectivo prioritario: tentar unir un país fortemente dividido, pero para iso, terá que pespuntar a conciencia. O capítulo do asalto ao Capitolio deixa unha sociedade tremendamente polarizada e crispada. Non parece o mellor comezo pero isto non mingua as esperanzas postas neste goberno do cambio, dentro e fóra do país.
O contexto global tampouco llo pon doado cunha pandemia que castiga os Estados Unidos con especial dureza. Os contaxios e as cifras de mortes seguen disparados. Nos seus últimos discursos, Biden buscou xerar unha conciencia de responsabilidade individual que Trump afundiu con ímpeto desde o comezo da crise sanitaria.
O cambio climático é outra das materias pendentes, e unha das primeiras accións será volver canto antes ao Acordo de París. Unha esperanza para moitos estadounidenses, pero tamén para moitos gobernos que durante catro anos perderan o apoio desta potencia mundial nunha batalla planetaria.
A política exterior non será unha prioridade a curto prazo, pero Biden ten intención de reparar moitas das alianzas internacionais coas que rompeu Trump. Non incidirá na guerra comercial coa China iniciada polo expresidente, pero pode utilizala ao seu antollo para poñer contra as cordas o Goberno chinés. Rusia, Oriente Medio ou Irán son outras cartas da baralla que terá que xogar.
O papel da súa vicepresidenta Kamala Harris será fundamental sabendo que Biden, con 78 anos xa cumpridos, dificilmente repetirá candidatura en 2024.