Os retos de Biden máis alá da resistencia de Trump a abandonar a Casa Branca
Joe Biden gañou as eleccións do pasado 3 de novembro por 306 delegados electorais contra os 232 de Donald Trump. Eses delegados son os que este luns deberán confirmar o seu voto e acabar así dunha vez por todas coa resistencia do actual inquilino da Casa Branca a recoñecer a derrota
Cando o 20 de xaneiro, Joe Biden xure o cargo a batalla que lle queda por diante é aínda máis xigantesca: frear unha pandemia que deixa xa 300.000 mortos e máis de 16 millóns de contaxiados. Biden quere ceder protagonismo aos científicos, impoñer o uso obrigatorio da máscara e lanzar un novo plan de estímulos económicos para axudar os sectores máis danados.
O cambio climático é a súa seguinte prioridade: a diferenza de Trump, Biden cre que o quecemento global é unha amenaza existencial para os Estados Unidos. Unha das súas primeiras decisións será volver ao Acordo de París e convocará un cumio mundial nos primeiros 100 días na Casa Branca. Tamén en clave de cooperación internacional, espérase que free a saída da Organización Mundial da Saúde.
De portas para dentro, Biden ten o reto de volver unir a sociedade máis polarizada dos últimos tempos e atender o clamor por unha maior xustiza racial. Non son casuais algúns dos seus primeiros nomeamentos: un negro dirixirá por primeira vez o departamento de Defensa e un latino, o de Saúde.