CRTVG

Buscar

Os restos mortais do fiscal xeral do Estado chegarán o martes a España

Publicado o 19/11/2017 21:06

Os restos mortais do fiscal xeral do Estado sairán mañá de Bos Aires e chegarán a Madrid, probablemente, na madrugada do martes. Esa é a previsión coa que traballan na Embaixada Española da capital arxentina.

Os trámites para a repatriación dos restos mortais de José Manuel Maza iniciáronse este sábado,  con todo, as autoridades españolas agardaron a que  chegase o fillo a Bos Aires, para decidir os detalles do traslado.

A embaixada prevé que o corpo do finado fiscal xeral do Estado chegue a Madrid na madrugada do martes nun voo regular.

"Estamos traballando en completar os trámites para que poida saír mañá no avión do Air Europa que sae á unha e media da tarde. Polo momento non temos todos os trámites, pero cremos que iso é o que é posible e previsible", afirma o embaixador de España na Arxentina, Javier Sandomingo.

José Manuel Maza faleceu aos sesenta e seis anos, nesta clínica de Bos Aires na que permanecía ingresado dende o venres, por unha infeccion de ril que se complicou e pasou a ser xeneralizada. No hospital certificaron a súa defunción sen necesidade de practicarlle a autopsia."cando un morre por causa natural e ademais nun hospital, pois non é necesaria a autopsia", afirma o embaixador.

O tenente fiscal do tribunal supremo, Luis Navajas asumirá as funcións de Maza ata o nomeamento do novo fiscal xeral, un proceso que se prolongará polo menos dúas semanas. Maza cumpriría este mes un ano como máximo responsable da Fiscalía española.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/11/2017