CRTVG

Buscar

Os restaurantes galegos volven dar ceas

Publicado o 16/04/2021 20:16

Día intenso o de hoxe en moitos restaurantes galegos. Os restaurantes abren as súas portas para dar ceas varios meses despois. E fano entre estritas medidas de seguridade. Distancias, limitacións de ocupación, máscaras e máis medidas. Un rexistro de clientes que os restauradores deberán conservar un mes e medidores de CO2, unha medida que se vai ser imprescindible nunha semana.

En novembro do ano pasado a hostalería estaba pechada nas grandes cidades e en medio cento de concellos de toda Galicia. Dende xaneiro, as restricións suavizáronse, pero aínda así, a hostalería tiña que pechar ás 6 da tarde. Así que os restaurantes levan meses sen poder dar ceas. Esta noite hai case un ambiente de reinauguración en moitos locais. E todo porque xa poden abrir ata as 11. Terán que levar un rexistro de clientes, pero os empresarios están aliviados con esta nova situación. 

Por primeira vez dende hai meses, a hostalería pode abrir ata as 11 da noite. Os restauradores acollen a relaxación de horarios con optimismo.

A ocupación queda reducida á metade, non se poderá consumir en barra e os locais terán que instalar medidores de CO2. Ademais, deberá gardarse a distancia de metro e medio entre persoas e o local deberá gardar un rexistro de todos os seus clientes. Este tempo de parón serviu para facer reformas en moitos locais e tamén para adaptarse ás novas medidas de seguridade.

Se queren volver ao seu restaurante favorito, non se esquezan de que é obrigatorio facer reserva.

Noticias web

16/04/2021