CRTVG

Buscar

Os restaurantes do Grupo Nove expoñen os cadros da iniciativa solidaria Art for Dent

Publicado o 24/10/2021 18:01

Hugo, de 8 anos, pinta cadros coma este. En 2019 diagnosticáronlle a enfermidade de Dent, unha doenza xenética que afecta gravemente o funcionamento dos riles e que só sofren 250 persoas en todo o mundo.

"En Galicia, que teñamos constancia, son nove nenos e na asociación están seis. É unha mutación xenética no cromosoma X que afecta gravemente os riles", explica María Castelao, representante de Art For Dent.

A día de hoxe a doenza non ten cura nin tratamento. O principal obxectivo da asociación é conseguir fondos para apoiar os dous grupos que investigan a doenza.

"Hai unha investigación funcionando no hospital Vall d'Hebron de Barcelona e nós desde a asociación galega da enfermidade o que queremos é impulsar unha nova investigación no NefroChus, que é un laboratorio de xenética de enfermidades renais en Compostela", explica María Castelao.

Os cadros de Hugo están expostos en 17 restaurantes que forman parte do Grupo Nove, entre eles o Culler de Pau, o único en Galicia con dúas estrelas Michelín.

"O máis importante é darlle visibilidade á enfermidade de Dent e que se cumpra a prioridade que ten a sociedade, que é a investigación", comenta o cociñeiro Javier Olleros.

Os cadros que se expoñen non están á venda, pero si camisetas coma estas, coas que pretenden recadar fondos para seguir impulsando a investigación.

Noticias web

24/10/2021